Last month fire in Rianxo. Picture: Agostiño Iglesias. Fonte: La Voz de Galicia
11/04/19 – Francisco Gómez Regenjo
Cando comezamos este blog pensaba tratar diversos temas sobre a situación do medioambiente na Galiza. Pero a actualidade obrígame a escribir esta semana dun asunto que xa mencionei no meu artigo anterior.
Desta vez eu non estaba presente, pero vivino telematicamente. O pasado 26 de marzo comecei a recibir imaxes ao meu teléfono, primeiro de columnas de fume nos montes do meu concello, despois do lume cerca de diversas estradas, e logo das lapas achegándose ás vivendas. Os montes nos que paseo, as estradas que frecuento, as vivendas de amigos e coñecidos. Desta vez tívose que desaloxar o insitituto e cortar a autoestrada. Desta vez durou 3 días e queimou 1.162 hectáreas. Desta vez a miña casa familiar non estivo en perigo. E digo desta vez, porque isto mesmo pasou en tantas ocasións que as imaxes provocáronme rabia, impotencia e tristeza, pero non me sorprenderon demasiado.
Na Galiza os incendios forestais son tan frecuentes que xa case estamos acostumados. Como exemplo, segundo datos da Xunta de Galiza, entre o 2008 e o 2017 producíronse 71.481 incendios. Ou o que é o mesmo, 19 cada día. É coma un fenómeno meteorolóxico máis, e cando chegan os meses de verán xa sabes que sucederá. Pero por que esta abundancia de lumes?
Unha cadea humana en Vincios (Pontevedra), nos incendios do 15 de outubro de 2017. Foto: Delmi Álvarez. Fonte: El País
Obviamente, na maioría dos casos, os incendios non se deben a causas naturais, xa que as treboadas secas son moi raras alí. A veces (sobre todo desde o partido político do goberno e os seus afíns) fálase de pirómanos. Porque a excusa da enfermidade mental é moi doada, e exime de calquera responsabilidade. Mais hai moitos motivos polos que unha persoa sen ningunha tara prendería lume ao monte.
A situación varía segundo en que parte do país te atopes. Na metade leste da Galiza, os montes son dunha grande riqueza natural, e moitas áreas están protexidas ou optan a estalo. Isto choca cos intereses de agricultores e gandeiros que consideran que estas categorías de protección dificultarían a súa actividade. A Galiza oriental está pouco poboada, é montañosa e menos húmida. Polo que os incendios alí, polo xeral, son máis extensos e duradeiros.
Pola súa parte, a metade oeste, na que se atopa o meu concello, está moito máis poboada, polo que as probabilidades de que o lume se achegue a núcleos habitados son moi altas. Por iso son incendios máis perigosos e visibles nos medios. En gran medida os montes da Galiza occidental están constituídos por eucaliptos, como xa vimos neste blog. Unha árbore que favorece a propagación do lume, que medra moi rápido e que é moi rendible para as empresas papeleiras. O lume beneficia a determinadas compañías, que mercan a madeira queimada e só teñen que esperar uns anos para que as árbores que precisan volten ter un tamaño considerable.
O cambio climático está empeorando as cousas. Fenómenos como temporais secos con intenso vento do sur, antes inéditos, están alterando o patrón. Se antes xullo e agosto eran os meses críticos, agora prodúcense grandes incendios en marzo ou en outubro.
Pola súa parte, o goberno non fai nada por cambiar a situación. Os medios de loita contra o lume son escasos. Os medios de prevención (os que realmente se precisan), nulos. Non existe unha política forestal destinada a evitar incendios. Tal é así, que os incendios se repiten unha e outra vez nos mesmos montes.
Superficie queimada en 2006 (esquerda) e en 2019 (dereita). Fonte: GCiencia
Este incendio do 26 de marzo queimou case exactamente a mesma área que unha serie de incendios en agosto de 2006. Naquela ocasión o lume si que chegara preto da miña casa. Lembro o medo, a incertidume e a impotencia. Lembro o picor nos ollos e na gorxa. Lembro as sereas dos bombeiros, da policía e das ambulancias. Lembro a campá da igrexa tocando. Lembro a primeira vez que vin a miña nai chorar.
E coma min, o lume tamén lembra. Acórdase por onde ten que ir, onde atopar o bo alimento. E así seguirá sendo, ata que non cambiemos as cousas.